09 / 07 / 2025
Lin Arredor de si, de Otero Pedrayo, por recomendación do meu amigo o filósofo Luís García Soto, con quen comentaba o difícil que é moitas veces concretar proxectos para a xente que estuda filosofía. Xa Aristófanes se burlaba dos filósofos na Antigüidade dicindo que sempre estamos "nas nubes", e como en xeral temos bastante sentido da autocrítica debemos recoñecer que algo de certo ten iso: o noso é o Mundo das Ideas. Otero Pedrayo conta a historia de Adrián, un Licenciado en Filosofía que deixa a súa aldea galega para viaxar por España e por Europa, intentando facer algo coa súa vida, como preparar as oposicións, pero por unhas cousas ou por outras, non é capaz de poñerse. Cito aquí un fragmento revelador:
"Estarei demodé", pensaba Adrián. Tamén á súa idade era demodé (tampouco se usaba xa a palabra) facer oposicións. Non viña a tiro feito. Coma tódalas súas ideas, era algo neboento. Adrián sufría da fatal vaguidade e falta de pulo propio. A súa actitude: a man procurando, angustiosamente, coller algo que bolbolea e foxe. Todo lle fuxía. Esta mañá de Madrid máis que denantes. Tiña o convencemento de non ser capaz de organizar a súa vida. Non o confesaba por un instinto defensivo diante de si mesmo. Viñera procurando un sentido. E atopábase levado a zorro por cousas fedorentas e burleiras. Subíanlle á tona do espírito os lixos da mocidade. Fracasos. Nos esquinais das rúas, nos espellos dos cafés, no escaparate das librerías, branquexaban cadáveres de proxectos.
Este parágrafo que vou citar a continuación paréceme unha xoia. Quen non sufriu por non poder debullar tódolos libros novos para poder estar ao día? (eu tanto como para querer ler a Giordano Bruno en latín non, pero case). Que estudante de filosofía non soña con poder habitar unha luxosa torre de ideas propias? O de abranguer as paixóns "con enganosa obxectividade de psicólogo" paréceme unha xenialidade para estar escrito este libro na década dos anos 30 do século XX. Ai, se Otero Pedrayo levanta a cabeza e ve que hoxe en día a "palabra de psicólogo" é a nova palabra de Deus...! Seguindo coas xenialidades deste parágrafo: quen non combinou "horas triunfadoras de estudio" coas "augas mortas da vulgaridade"? E xa, por último, esa descrición dos apuntamentos como "papel de estraza, letra piollosa, hospital de conceptos": a letra piollosa xa non se estila tanto hoxe en día, pero o concepto de "hospital de conceptos" penso incorporalo ao meu vocabulario!
Adrián sufría de non poder debullar tódolos libros novos. Entón considerábao necesario para ser un home ó día. Algúns fixérono sufrir moito. Lembraba unha soberbia edición latina de Giordano Bruno. Soñaba con adicarlle unha tempada enteira. Pois el contentábase entón coa cultura ó día. Éralle urxente habitar a súa luxosa torre de ideas. Moito tempo dubidara no estilo da torre. Filosófica, literaria, ensaística, crítica. Tradición española, finas e raras pedras da canteira metafísica, paisaxe de cancioneiros, ou unha provincia do espírito cultivada por novelistas e poetas, e dentro dela un xardín escolleito: paisaxe da Italia renacente, do gran século de Versalles, do Romantismo. Procurando neles a sombra dunha idea ou mellor unha paixón estudiada e abranguida con enganosa obxectividade de psicólogo. Adrián recordaba as súas tentativas. Moitas horas triunfadoras de estudio e meditación cortadas, e ó remate cubertas polas augas mortas da vulgaridade. Unhas veces os apuntamentos de Dereito civil: papel de estraza, letra piollosa, hospital de conceptos. Outras, a vida das rúas, os longos días de desespero, de aburrimento, ou de vivir mecánico. Primavera, filosofía, amor, e o fuxir ceibe e indiferente do tempo.
Como Adrián xa pasa dos trinta anos, hai veces que mira cara atrás porque aínda non fixo esas cousas que se supón que hai que facer para que a sociedade considere que "sentaches a cabeza". Antes de decidirse a "alancar pola España" e viaxar a Burgos, temos esta magnífica reflexión acerca de como os estudantes de filosofía nos perdemos arredor de nós mesmos neses "baleiros anos" (dos vinte aos trinta) nos que somos afeccionados a todo. Pero como dicimos agora, para traballar hai tempo abondo.
Adrián ollou para o reloxo. Foise para o hotel, a dispoñer da maleta. Sempre desexara facer aquela viaxe. Agora sería como unha obertura. Quizáis fora o seu grande erro non alancar pola España en lugar de perderse nas clases e despois nos baleiros anos -dos vinte ós trinta- de intelectual afeccionado a todo. Aínda tiña tempo de se vertebrar.
A obra ten xenialidades como a seguinte, na que Pedrayo compara as paisaxes de Castela coa lectura de Kant:
"O castelanismo esixe a paixón que podería chamarse matemática". Hai que chegar a unha norma de formas rematadas de pensamento para logo choutar máis alá. Boa terra para ler a Kant. "Experimentaba certa secreta vergonza Adrián cavilando que non lera endexamais enteira a Crítica da Razón pura. El, aspirante a profesor de Filosofía. Por moito que fose o desapegamento do mundo en Kant -o maior desapegamento posible e o máis consciente- non se pode esquecer que Kant era un prusiano. E foi trazando un paralelo entre Prusia e Castela.
Cambiando de tema: que pensaría Pedrayo hoxe en día do cansino culto ao corpo que rendimos na nosa sociedade actual (tanto na dimensión física como na virtual)? Vese que este tema non é novo, pois xa neste libro compara a personalidade romántica e soñadora de Adrián coa do seu irmán Xacobe, moito máis práctico, centrado en facer cartos e en disciplinar o propio corpo. Dende unha perspectiva de xénero, hoxe falariamos da "pragmática masculina do control" (termo acuñado polo filósofo feminista Iván Sambade) para referirnos a esa esixencia social de auto-disciplinar o propio corpo como unha das características que tradicionalmente definiron á masculinidade patriarcal. Pode ser expresada esta contraposición de caracteres entre os dous protagonistas de forma máis poética?
Co Xacobe imperaba na casa da aldea unha velocidade: aproveitaba tódalas horas do día para a maior gloria, gozo e saúde do corpo triunfante. Das pólas das fortes pereiras bambeou unha hamaca: non para soñar e afundirse na infinidade de azul cruzada por ás e nubes, como faría Adrián, home de pensamentos en agulla gótica, en cúpula pensativa, en alcipreste, en curota de serra, senón para deixarse meteorizar polo sol e polo aire, para instalar no centro da paisaxe o seu corpo rei. Antropocentrismo do sport. O corpo ben coidado, mimado, exaltado pola harmoniosa escolástica da ximnasia. Demarcado como un fermoso sistema de forzas gozosas e ceibes a condición de estar disciplinadas e ordenadas.
Pois aí queda iso, se estás pensando en montar un ximnasio (xa sexa físico ou virtual) e non sabes como chamarlle, sempre podes recorrer a Otero Pedrayo e considerar a elegante opción de "Antropocentrismo do sport".

Otero Pedrayo en 1923 xunto á súa parella María Josefa (Fita) Bustamante na praia de El Sardinero, en Santander. Autoría descoñecida.

Back to Top